Friday 19 de April de 2024

Os concellos da Capela, Cerdido, Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño acordan conxuntamente non abrir as instalacións das Piscinas Municipais para garantir a seguridade das persoas usuarias


 

O cumprimento dos protocolos e normas establecidas pola Xunta de Galicia e o Ministerio de
Sanidade fai case imposible abrir as piscinas municipais de forma que os concellos poidan
ofrecer todas as garantías sanitarias necesarias para a seguridade da veciñanza.

A Capela, Cerdido,Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, comunican a súa decisión de non abrir
as piscinas municipais este verán dadas as circunstancias xeradas pola pandemia da COVID 19. Os
representantes municipais adoptan este acordo tras analizaren entre todos o contido dos protocolos
redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa aprobada pola Xunta de Galicia, documentos
nos que se establecen unhas condicións que os concellos dificilmente poden asumir nin
tampouco garantir o seu cumprimento.
Nesta decisión tomada de xeito conxunto polos diferentes concellos déuselle prioridade á seguridade
da veciñanza que acuda ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que
estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas
poidan gozar dun momento de tranquilidade. Neste sentido, a aplicación das medidas preventivas
interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección
e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras
dependencias imprescindibles, como aseos, duchas e vestiarios. Valorouse tamén o prexuízo que
causan as continuas achegas de auga e cloración que se deberán facer e o uso permanente de
desinfectantes.
O conxunto da normativa establecida polas Administracións parte de que os riscos asociados á COVID
19 están relacionados coa interacción entre persoas que acoden ás zonas de baño e, polo tanto, é
fundamental garantir o distanciamento social, a desinfección e limpeza varias veces ao día de todos
os elementos, limitar o tempo de permanencia das persoas usuarias e o aforo. De abriren as
instalacións, os concellos deberían aplicar con rigor as medidas establecidas, o que imposibilitaría o
acceso do habitual número de veciñas e veciños e, os que puidesen, terían que observar as normas
restritivas de uso por mor da Covid 19.